Friday 10 de May de 2024

Protección Civil coopera co Centro de Saúde durante a campaña de vacinación da covid-19 e da gripe


No momento actual estanse administrando as vacinas a persoas maiores de 85 anos que foran citadas previamente polo Sergas

A agrupación de voluntarios de Protección Civil da Laracha está a colaborar co centro médico da capital municipal para facilitar o desenvolvemento da dobre campaña de vacinación relativa á administración da cuarta dose do coronavirus e tamén da gripe que se leva a cabo cada ano nestas datas.

Os voluntarios realizan tarefas relacionadas co control de accesos ao centro sanitario, información e acompañamento ás persoas que acoden para vacinarse e vixilancia do cumprimento das medidas de protección e prevención dos contaxios.

A presenza de efectivos de Protección Civil da Laracha é diaria, de luns a venres, tanto pola mañá (10 a 14 horas) como pola tarde (15 a 19 horas).

Cabe sinalar que no momento actual no centro médico da Laracha estanse vacinando coa cuarta dose da covid-19 soamente a aquelas persoas maiores de 85 anos de idade que foran citadas previamente polo Sergas, que tamén teñen a oportunidade de ser vacinadas da gripe conxuntamente se así o solicitan ao persoal sanitario.